Quarta-feira, Setembro 20, 2006

Post post

Volvín pero mudei de piso. Non sei se para mellor ou para peor. A idea é destapar ofrascodasesencias

Quinta-feira, Junho 01, 2006

Hora de (re)capitular

Closing time: time for you to go out, go out into the world.
Closing time: turn the lights up over every boy and every girl.
Closing time: one last call for alcohol, so finish your whiskey or beer.
Closing time: you don't have to go home but you can't stay here.
Closing time. Semisonic


Despois de case 13 meses e 118 posts, con este, melnibonenews fecha, chapa, bota a persiana e non serve máis copas. Chegou a recibir entre 10 e 20 visitas de usuarios únicos por día nos últimos meses e desde logo, non vou negar que iso me producía unha pequena satisfacción. Pero xa non dá para moito máis, así que me despido.

Quedaron no tinteiro 10 historias de bohemios e a crónica do Festival do Norte, a onde asistín co señor ocioso, lady Mastache, o doutor e o gran llamas. Enormes concertos de Nacho Vegas, Divine Comedy, Echo and the bunnymen e Placebo! Aínda que Camilo Franco non opinase o mesmo na Voz.

Polo demais, seguirei dando a vara polos blogs de sempre e igual algún día empezo un novo. En canto a este, non o penso borrar e quedará como testigo de todos os textos e comentarios vosos sobre música, política, cine, xornalismo, friquismo, literatura, fútbol e demais desbarres.

Ata outra!!!

Terça-feira, Maio 23, 2006

Máis sobre friquismo

Nos días anteriores e posteriores á festa das Letras Galegas -día de traballo para min- sucedéronme bastantes cousas: vin un concerto enteiro dos Homens, unha peli de temática feminista e comecei a ler "Brooklyn Follies". Tamén disfrutei coa vitoria do Barça; aburrinme coa derrota do Vilalonga en Santa Comba (espantosa vila nun lugar batido polo vento) e fallei o gol que podería darlle a vitoria ao Lecertour Viaxes fronte ao Leyendas. Pero do que penso escribir é sobre o tema que ven de bater o record de comentarios neste blog: o friquismo.

Como conta elduende, ser friqui está de moda -prometo que non o sabía cando escribín o anterior post-. Pero a cuestión é ¿que é ser freak? Este é un termo que estaba reservado inicialmente para fanáticos dos ordenadores e da ciencia -geeks , en inglés-, dos xogos de rol, comics, series de animación xaponesas, literatura fantástica, etcétera. Igualmente, o aspecto dun friqui é normalmente pouco aseado, con gafas e camisolas estrañas.

Porén, ultimamente o termo pretende estenderse a todo aquel que teña un coñecemento detallado dunha afición. Pero penso que debemos ser precisos e evitar confusións. Explícome: por moito que lles fastidie a luisete ou ao nadador, un fan do fútbol non é un friqui. Por exemplo, se ti ves a alguén coa Rockdelux baixo o brazo, ese tipo é un "moderno"; se leva a revista de Warhammer, sería un auténtico friqui (categoría miniaturas e xogos de estratexia). En cambio, se leva o Marca sería un macho ibérico do máis normal.

Tampouco sería correcto decir que un lector de Le Monde Diplomatique é un "friqui da xeopolítica", ou un asiduo visitante de museos "un friqui das artes plásticas". Pero evidentemente, hai usos sociais do idioma que se estenden e parece imposible loitar contra certas modas. Intentaremos, xa que logo, dar unha definición por aproximación: No post anteriormente enlazado, o sabio elduende afirma "Dirán lo que quieran, pero cuando llevo a una chica a mi casa lo normal es oír: “¿pero todo eso de la estantería son cooomics?”. Y no, por ejemplo: “vaya, ¿tienes lo último de Muñoz y Sampayo? Gran obra, mala edición”. Cuando me suceda lo último, me creeré que ser friki está de moda.

Eu podería dar un exemplo semellante. Atopábame no Coliseum acompañado de dúas fermosas mozas, e mentres soaban cancións de rock e pop de indiscutible calidade, cantaba os estribillos todo o ben que podía. Unha delas preguntábame polos nomes dos grupos que estaban soando, ao que eu respondía de xeito quizais algo pedante. A pesar das miñas inconfesadas intencións -as habituais a esas horas da noite-, ela non dixo "Jo, que tío tan sensible e coñecedor da música popular contemporánea. Por que non nos enrollamos?", senón "que friqui eres!". E de aí que me atreva a afirmar que ser friqui é ter aficcións que non axudan a marchar acompañado para a casa.

Entendes, xove padawan?

Segunda-feira, Maio 15, 2006

Freaks online

Por veces, cando vexo o fondo escuro, o enderezo imposible de deletrear, e a cara de tolo do meu avatar, arrepíntome de ter feito un blog que remita a unha novela de Michael Moorcock. Podía remitir a unha de Paul Auster, ou de Suso de Toro, que tamén me gustan, e así parecería menos friqui. Ademais, non actualizo con suficiente intensidade sobre temas dese tipo.

Pero son consciente de que a maioría da blogosfera galega non está flipada por un thriller de ciencia-ficción manga chamado "Twenty Century boys", nen prepara unha personaxe para un xogo de rol ambientado nos mundos de Lovecraft. Así que non me arrepinto de todo. Mellor esbardallar sobre dragóns que escribir novela rosa como unha Rosa Aneiros calquera.

En todo caso, se queredes máis, tedes un blog titulado As Cronicas de Gáidil duns tipos que crearon un sistema de rol en galego. Por suposto, tamén tedes Zónula Catro e a excelente revista electrónica dirixida por Fran Morell, que imperdonablemente non mencionei antes, chamada Nova Fantasía.

Por último, quería facer un pequeno test aos meus lectores -a ver se deixades algún comentario, cona- : Que son a batalla dos cinco exércitos, o exército das sete nacións e o exército dos doce monos?

Segunda-feira, Maio 08, 2006

Os traballadores do metal en folga

Mira nena, son coma o sector naval
Hei, hei, resistirei
Os Resentidos. Sector naval


Hoxe arde a miña cidade. 9 traballadores resultaron feridos tras unha violenta carga policial e penso que isto merece un post, longo, denso, e pouco axeitado para a linguaxe de internet. Quería facer unha continuación do que escribín catro textos máis abaixo. Ía titulalo "A falacia francesa", para desmontar a idea de que en Francia os mozos protestan máis que aquí. A idea principal era que aquí tamén protestamos, só que non se nos fai caso. Ata que reventa.

Parece que reventou, porque moitos dos manifestantes que por cuarto día percorreron as rúas de Vigo apenas pasan dos vinte anos. Eles son unha das caras da xeración do botellón, da miña xeración. Outras son os universitarios que protestaron hai catro anos contra a LOU, e os milleiros de voluntarios que hai tres limparon o chapapote das costas galegas.

Os traballadores do metal piden unha subida salarial, mais esa non é a súa principal reivindicación. A principal demanda é crear unha bolsa de contratación -especialmente nas empresas auxiliares do naval- para aqueles obreiros que teñen contratos temporais. Evidentemente, hai precariedade tamén nas oficinas, nos xornais, entre os comerciais das empresas de telefonía e en todo o entramado do sector servizos. Pero afortunadamente na industria, os sindicatos de clase -a pesar de todos os seus defectos- manteñen a súa forza e poden montar unha gorda cando as circunstancias o requiren.

E o que non vale é montar un escándalo porque haxa cortes de tráfico, arda un contenedor ou mesmo haxa algunha agresión aillada, como moitos fixeron na prensa local. Porque esa mesma prensa local mira para outro lado cando día tras día morren en accidente laboral traballadores con contratos precarios, mentres cobran os anuncios publicitarios dos empresarios que logo se escandalizan porque lles reventan un escaparate. Porque moitos falan da decadencia moral da mocidade, pero non se preguntan que valores e que perspectivas pode ter algúen que non sabe se vai ter traballo o mes que vén.

E non se trata de facer unha idealización da clase obreira, como o barman máis influinte do independentismo galego. Evidentemente, moitos dos tipos que están en folga son xente machista, agresiva e pouco interesante para tomar un café mentres falas de cinema independente e literatura de ciencia ficción. Precisamente, aí radica a tremenda inxustiza do sistema capitalista. Porque se tes un bo traballo, tes máis tempo e máis cartos para mercar unha boa casa, escoitar boa música, ler bos libros e comer en mellores restaurantes (algo que ás veces esquecen os revolucionarios máis ortodoxos).

Nesta caso, falamos dun capitalismo "de rostro humano" que se deshumaniza a pasos axigantados, pola vía da devandita precariedade ou dos altos prezos da vivenda no aspecto material. E no aspecto moral, pola implantación dun sistema de valores no que o máis importante é poder pagar cada mes a hipoteca, a letra do coche, ou as copas da fin de semana pero á costa de tragar co que sexa, mentres que principios como a solidariedade entre compañeiros de traballo parece algo doutro tempo. Agora nas rúas de Vigo, eses principios esquecidos volven estar en alza, aínda que sexa á hora de darse de ostias coa policía. Así que este blog apoia aos compañeiros do metal en folga. Sempre.

Un pulitzer para Pedro J

Tiña ganas de escribir algo sobre o tema, pero unha imaxe -deste blog- serve de resumo.


Terça-feira, Maio 02, 2006

Filosofía de supermercado

Y mi voz era un imán, y así logré captar,
paseando por el Carrefour a un ejército de un centenar.
Nacho Vegas. Mismos planes, idénticas estrategias.

Un día despois e un post menos (algún día debería escribir algo como o que fixera John Hobgoblin no seu magnífico texto sobre o cemiterio dos posts nunca escritos) do Día dos Traballadores, fun a facer a compra da semana ao Alcampo de Área Central. Cousa menos interesante que o sucedido no que os máis rancios chaman Día do Internacionalismo Proletario, pero máis importante porque grazas a iso poderei comer na miña casa e non só no bar.

E ademais esa visita ao templo da mercaduría masiva e barata, provocou en min algunhas reflexións esquerdosas, tantas como a miña visita a Ourense o pasado 1º de Maio. A primeira, que alguén que só merque libros nunha grande superficie poderá ler a biografía de Jon Juaristi, pero nin unha mísera obra en galego; a pesar de que agora os nosos ilustres e esgrevios editores veñen de descubrir algo xa inventado na Idade Media, como as traducións de éxitos contemporáneos -para fans de Auster: teñen Brooklyn Follies en Galaxia-.

A segunda, que un cliente do Alcampo sempre sentirá que respecta o Medio Ambiente. Se usa as bolsas normais, porque están feitas "sen titanio" e contaminan menos, aínda que lles falla un pequeno detalle: son transparentes e non se poden reutilizar como bolsas do lixo. Pero tamén podes comprar unha bolsa "reutilizable" ao módico prezo de 15 céntimos. Iso si, as bolsas do lixo telas que coller á parte. Como para queixarse.

Terça-feira, Abril 25, 2006

O povo é quen mais ordena?

Non. Non vou poñer en cursiva a canción de Jose Afonso na que estades a pensar, esa que nos altera e reconforta. Só un dato collido do escáner de Vieiros:

"Con motivo do vintecinco aniversario da revolución, nunha sondaxe entre alumnos de escolas portuguesas o primeiro que evocaban ao suxerirlles a data do 25 de abril era a famosa ponte que cruza o Texo en Lisboa. Hoxe poucos lusos lembran xa aqueles feitos, e aínda menos galegos, que daquela miraban con envexa o levantamento do pobo veciño."